Monte Louro

Narrativa 2009

Sinopse

Unha muller casa e, tras quedar embarazada, é abandonada polo home, ao que idolatra, no tempo da proclamación da República. O fillo criase como un orfiño nun Muros de posguerra de onde tamén el vai acabar dimitindo polo tempo da súa estrea na mocidade. O destino tenlle reservada cita en Barcelona cun nome falso, cunha amante que lle permitirá albiscar a plenitude e, de propina, cun crime que o condena a fuxir para sempre. Provisto dunha nova identidade desembarcará daquela en Bos Aires, onde a experiencia da emigración se verá decontado premiada co éxito e cun grande amor. Monte Louro, o máis poderoso referente xeográfico da infancia, agrándase na memoria como resumo mítico do que no pasado non puido ser e talvez non será xa nunca. Tamén andan ao axexo o complexo de culpa, o desequilibrio e, finalmente, unha baixada aos infernos na que parece que sairá triunfante o Mal. Terá que xurdir o empeño dunha filla cuxa existencia se ignoraba para que moitos anos despois volva semellar posible recompoñer o puzzle roto da vida... Todo isto e moito máis cóntanolo Rei Núñez nunha novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009, que o acredita como mestre do oficio de escribir, chamada a converterse nun clásico das letras galegas.

Críticas

“Monte Louro, como todas as grandes novelas que antes dela foron, convídanos a contemplar o inconstante, impredicible e extraordinario vivir humano. E aquí Rei Núñez emparenta naturalmente cos admirables narradores realistas de todas as latitudes, como Galdós, como Dickens, como Tolstói. A súa novela é un mosaico sentimental, unha vitrina da feira do mundo, un expositor no que se mercadea coa materia da que están feitos os nosos soños e se sobrevive á dúbida atroz de cal é a cor do silencio”.
Armando Requeixo. ProTexta
“Rei Núñez entréganos a que sen dúbida é a súa mellor novela e unha auténtica delicia / ledicia para os lectores galegos”.
Xosé Carlos Caneiro. La Voz de Galicia
“Este relato ofrécenos unha singradura emocional intensa nesa ponte indestrutible que une Galicia e América por tantos éxodos e exilios”.
Rosa Aneiros. A Nosa Terra
“Estamos ante unha novela moi ben construída que combina axeitadamente o individual co político-social e cómpre salientar especialmente o ben construída que está a peripecia vital do heroe como emigrante na Arxentina”.
Manuel Rodríguez Alonso. Vieiros
“Capítulo á parte merece a plasticidade, transparencia e riqueza lingüística deste Monte Louro, dotada dun ritmo traballado con intensidade e na que se aprecia un baseamento lírico”.
Ramón Nicolás. La Voz de Galicia
“Preséntanos un suxeito nomádico, un quiet man que transmuta en tres identidades: Delio, na súa infancia en Muros; Artemio, en Barcelona; e Iago, en Buenos Aires. Nese proceso de ser alguén, o protagonista está sitiado entre pulsións e desacougos que o afogan”.
Gabriel Pérez Durán. Grial

Premios

Premio Blanco Amor
Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro de Narrativa para adultos

Entrevistas

Book trailer

Mercar

Máis libros

Ver todos