O encargo do señor Castelao

Narrativa 2016

Sinopse

Castelao foi feliz en Pontevedra, a pequena capital de provincia á que chegou en 1916, cando era fundamentalmente artista. Dúas décadas despois, sendo xa sobre todo político e dirixindo a loita do galeguismo, o estoupido da guerra no verán de 1936 afástao de alí para sempre. Debe deixar atrás, canda recordos imborrables, o fillo que tivera que enterrar e o compañeiro Bóveda, fusilado ao pé dun piñeiro polos sublevados. A vida arrástrao daquela por metrópoles coma Nova York, Bos Aires, París e, de novo, Bos Aires. Son tempos que inclúen o seu paso por un ministerio sen carteira do Goberno da República no exilio e mais o reencontro casual con José Gómez Gayoso, o militante comunista ao que poderá recorrer cando a dor do fracaso o leve a facer un encargo que o desacouga: por que non vingar o martirio do seu mellor amigo da Pontevedra onde creron que os soños ían ser posibles? Do peso na alma dos homes da historia colectiva e das incertezas morais dunha petición difícil nace a historia con que Luís Rei regresa á novela de non ficción. Un título que agranda o territorio conquistado polas letras galegas. Unha regalía para os lectores.

Críticas

“É admirable, no narrador Luís Rei, a súa pericia para, sen saírse da historia, escribir un relato literario coa estratexia e as expectativas que converten ao lector en alguén que devece por avanzar na narración como devece por saber cal é o encargo e se o encargado cumpriu a encomenda. Novela pura!”.
Xesús Alonso Montero. La Voz de Galicia
“Son moitas as bondades desta novela que Luís Rei fai mover no territorio mestizo entre a ficción e a realidade histórica; o descubrimento de novas zonas do iceberg Castelao, froito dunha profunda documentación; o compromiso coa historia e coa realidade, cos inmolados, co martiroloxio laico galego”.
Francisco Martínez Bouzas. La Opinión A Coruña
“Ten Luís Rei unha rara habelencia para facer que as cousas en verdade vividas, alusivas a personaxes auténticos, así Castelao ou o guerrilleiro comunista Gómez Gayoso, aparezan tinguidas por unha atmosfera literaria que fan máis doada a súa inxesta”.
Vicente Araguas. El Ideal Gallego
“Descansa nas arestas dun dilema moral, operativo asemade para deterse con brillantez tanto nas estremas da condición humana como nalgúns capítulos, especialmente relevantes, do noso pasado”.
Ramón Nicolás. La Voz de Galicia

Primeiras páxinas

Mercar

Máis libros

Ver todos