Sinopse

Este libro conta a vida apaixonante dun home libre e bondadoso e o seu tempo, o dun país sometido ás pulsións máis extremas. Entre 1899 e 1981, a de Rafael Dieste foi unha existencia entre as palabras, o mellor espello da realidade. Como escritor total, e mentres as circunstancias o obrigaban a exercer de soldado, xornalista ou profesor, viviu a Galicia onde o galeguismo loitaba por erguer a bandeira da identidade e a España onde o entusiasmado intento dunha sociedade moderna tomou forma efémera de República. A Guerra Civil (que el fixo comprometido coa causa da legalidade) e o exilio posterior (que o levou a Bos Aires, Cambridge e Monterrey) dificultaron a súa traxectoria e frearon a súa proxección pública. Mais el, unido desde 1934 e para sempre a Carmen Muñoz, non deixou que nada estorbase a súa entrega ás letras. Nun mundo en debate ideolóxico permanente, e moitas veces encarnizado, de Rafael Dieste quedou o exercicio irrenunciable do libre pensamento. Tamén unha vida sen tacha á que LRN nos propón volver os ollos nunha moi amena biografía escrita desde o caudal dos datos e unha xustificada admiración.
Críticas
“Luís Rei Núñez achegounos documentos e datos novidosos para (re)escribir unha biografía amable e rigorosa, na que se mostra cativado polo biografado, un Dieste creador total, republicano e galeguista non nacionalista, vimbios cos que se identifica en boa maneira. Son máis de trinta anos de traballo, de relectura da súa obra e de ardua investigación. Ben merece a nosa estima lectora”.
Miro Villar. Grial
“Un rigoroso retrato que os diesteanos, tribo máis numerosa do que parece, non deberían deixar pasar (...) Esta biografía é o camiño máis recto a un home libre”.
Diego Ameixeiras. La Voz de Galicia
“Se gustan vostedes do xénero biográfico, non o dubiden. Van atopar nesta obra un acubillo contra o fascismo, un texto magnificamente escrito e, sobre todo, memoria -completa- dunha vida aproveitada a cada intre”.
Montse Pena Presas. Faro de Vigo
“Luís Rei converte a Rafael Dieste no protagonista dunha novela na que os latexos da vida son os que fían unha historia que atravesa por diferentes momentos do século XX, esenciais para unha Galicia que se debatía a si mesma nas cobizosas primeiras décadas deste século, ata que chegou a senrazón do levantamento militar do 36. Luís Rei mergúllase de vagar no home, pero tamén no autor e no protagonista de tempos convulsos en escenarios diversos”.
Ramón Rozas. Diario de Pontevedra