A estrela dos polisóns

Narrativa 2003

Sinopse

Recaredo Rey, o torreiro soñador e único habitante da illa bocana, recolle nunha praia a Amaro Mengoti, un rapaz de trece anos de familia acomodada que naufragou na gamela Barandoñas cando saía pescar ao facho con Minguiños, o seu amigo de Beluxo. Amaro aprenderá deste fareiro astrónomo e panteísta, de espírito robinsoniano e tocado polo mal da melancolía, a identificar no firmamento Liberia, a estrela que guiará coma un calabrote invisible a sorte deste rapaz. Recaredo e Amaro, tecidos polas puntadas que a amizade dá no corazón, unirán as súas vidas ao mar; fuxidos da policía e polisóns no cargueiro La Negrita en rota cara Guinea, compartirán con pilotos e mariñeiros, personalidades esculpidas en mármore, os perigos do mar, un magma en permanente facerse e desfacerse que está a marxe da carreira da vida e da existencia. A estrela dos polisóns, a volta narrativa de LRN, despois de Expediente Artieda, Premio Xerais de novela 2000, é unha novela de iniciación e memoria que reconstrúe con fidelidade e emoción un ano de vida dun rapaz no seu salto á adolescencia, toda unha aprendizaxe do desencanto. Unha grande historia de amizade, mar e aventuras que a converten nunha novela das de sempre.

Críticas

“Os dous protagonistas viven a súa particular amizade con toques robinsonianos ata que unha casualidade fai que deixen a illa, temerosos de que se descubra a presenza do neno nela, e se trasladen a varias vilas e cidades antes de embarcarse como polisóns nun barco con nome de estrela inventada: Liberia”.
Tomás Ruibal. Diario de Pontevedra
“É esta unha novela sobre as lembranzas e sobre os descubrimentos da adolescencia, simbolizados nesa estrela que o torreiro bautiza como Liberia, a estrela dos polisóns que guía o camiño de Rei Núñez neste seu feliz regreso”.
Luís Pousa. La Voz de Galicia
“Este intenso relato volve ser un axuste de contas co pasado, coa posguerra en Pontevedra e o Morrazo, pero á vez é tamén un alegato sobre a amizade e a iniciación á vida dos homes”.
Francisco Martínez Bouzas. El Correo Gallego
“Unha novela na que a forza da súa prosa conmove coma poucas. Ese difícil tecer os fíos dos adentros todos (...) Páxinas buriladas con precisión de artesán da palabra, con fondura no coñecemento dos resortes psicolóxicos que nos moven. Porque a de Rei Núñez é unha maré literaria que a ninguén debería pasar inadvertida”.
Armando Requeixo. Faro de Vigo

Mercar

Máis libros

Ver todos