Sinopse

En Toda a vida, seguimos a historia de Mar Deus e Telmo Andrade, unha parella de vellos amantes que sosteñen o seu amor sobre a traizón, na atmosfera moral dun tempo de posguerra que conspira contra a entrega física, aínda que non pode evitar que se dean a alma desde o seu primeiro encontro. Á fin, a súa firmeza ao longo de cinco décadas acaba redimíndoos na plenitude do derradeiro ano das súas vidas. Estas páxinas seguen, tamén, a relación probable, e á vez incerta, de Camilo Dubra e Caetana Nariga, unha parella de mozos de hoxe; para eles, que si poden gozarse, a proba á que os somete o seu tempo é a do descompromiso, que parece unha enfermidade sen cura. Unha novela extraordinaria que propón unha travesía emocionante entre os territorios do amor e do desamor na procura dunha luz non convocada. Unha grande obra de madurez que confirma, indiscutiblemente, a LRN como un dos novelistas maiores do noso tempo.
Críticas
“Eros, tanatos e cronos relaciónanse, enrédanse, proxéctanse no fluír vital, en toda vida. A novela de Luís Rei formula nun esquema clásico estes tres tópicos. Desde un punto de vista neoplatónico, o amor, ao estilo petrarquista, é o grande absoluto que pode transcender o tempo e a propia morte”.
Sandra Faginas. La Voz de Galicia
“Esta é, con certeza, obra ante todo e por sobre todo venusiana, relato duns devires amorosos que galvanizan rumbos vitais que só na agarda amante cobran sentido, pois quen ama de verdade como os personaxes de Rei Núñez, faino sen límite posible e ánima absolutamente entregue, confundíndose ata o delirio, extremando imprudencias, anegando as caivancas do desexo”.
Armando Requeixo. Tempos Novos
“Unha historia (...) que escribe a necesidade de amar e ser amado e que ambas manifestacións coincidan no tempo e perduren nel”.
Xosé M. Eyré. A Nosa Terra